Proxecto Turbina
O proxecto Turbina nace da necesidade de darlle voz á rapazada boirense, na procura de atender as súas inquedanzas e intereses no que a alternativas de tempo libre se refire.
Adaptar a programación de actividades culturais ás demandas da rapazada é unha das materias pendentes, por iso consideramos que crear con ela, facéndoa axente activo na produción de actividades culturais e de tempo libre é o xeito de crear alternativas do seu agrado e interese.
Desta necesidade, nace o grupo de voluntariado xuvenil Turbina, integrado por rapaces e rapazas de diferentes idades que están a crear as súas propias actividades de tempo libre.
O festival Turbina, é unha das actividades froito do traballo que este grupo de mozos e mozas veñen realizando ao longo dos últimos meses. O festival integra actuacións musicais e diferentes actividades, que o grupo de rapazada se encargou de organizar e coordinar dende cero, poñendo ao seu dispor todos os recursos humanos e materiais posibles para poder levalo a cabo.
Pretendemos que o festival Turbina sexa unha das moitas actividades que produza este grupo de rapazada. Así mesmo, queremos chegar ao maior número de mozos e mozas posible para que o grupo de voluntariado medre, e con el as posibilidades dos seus proxectos. Deste xeito, convidámosvos a todxs a participar deste proxecto e a achegarvos polo Centro Social para comezar a traballar en novas ideas!
Comentarios
Publicar un comentario